Xoán R. Doldán fala sobre a «Guía para o descenso enerxético»

On 20/09/2013 by Véspera de Nada

Xoán R. DoldánVelaquí unha breve presentación da Guía e do problema que aborda, a cargo do presidente de Véspera de Nada, o profesor de Economía Aplicada da USC, Xoán Ramón Doldán García:

O obxectivo desta guía é motivar e axudar na transformación do modelo enerxético e produtivo hoxe dominante no mundo e na Galiza, baseado no uso masivo de combustíbeis fósiles, en particular do petróleo. En todo o desenvolvemento capitalista até hoxe estes combustíbeis foron indispensábeis e facilitaron un crecemento económico sen precedentes grazas a esta enerxía abundante, barata e dispoñíbel en cantidades crecentes. Estas condicións teñen desaparecido: a enerxía é e vai seguir sendo cada vez máis cara, menos abundante e dispoñíbel en cantidades decrecentes, por terse alcanzado o teito de extracción do petróleo convencional e estar próximos os do carbón e o gas natural. Nestas circunstancias o modelo económico actual deixará de ser viábel e terá que mudar desde a raíz. É precisamente aí, na base social, onde debe comezar a transformación e é a quen nos diriximos principalmente.

Desde a Asociación Véspera de Nada consideramos que a Guía para o descenso enerxético é importante por múltiples motivos, entre eles, a urxencia de acometer o cambio radical necesario na estrutura económica, en particular na galega. Ademais, a guía pretende dar resposta a moitos interrogantes que se formulan persoas e colectivos que emprenderon ou pensan emprender esta tarefa colectiva. Orientar sobre que accións realizar no ámbito individual, familiar, veciñal, nas administracións locais ou en pequenas empresas. Informar sobre que hábitos ou prácticas se poden facer no transporte, na alimentación, na saúde, na educación, etc, nun escenario de crise enerxética profunda. Qué negocios poden ser viábeis a pequena escala no futuro, qué vulnerabilidades poden ter as empresas e como facer fronte a elas. Cómo contribuír desde as administracións locais a unha relocalización da vida económica, cómo repensar o urbanismo e os problemas da vivenda ou o transporte, etc.

Máis de Xoán R. Doldán, no blog de Véspera de Nada.

Trackbacks & Pings

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *