Cuba: un referente para a fin do petróleo

On 11/10/2013 by Véspera de Nada

O seguinte texto é un adianto da Guía para o descenso enerxético. O texto —aínda pendente de consolidación, correccións e revisión final— acompañámolo dun documental, referente indispensable para os países que teremos que facer coma en Cuba e aprendermos a vivir sen petróleo. Convidámosvos a velo porque nos ha axudar a albiscar as profundas transformacións que —malia as diferencias co país caribeño— tamén nós na Galiza deberemos realizar para nos adaptarmos a un mundo de baixa enerxía.


Cuba, unha referencia inspiradora

Todos os que analizamos como poden reaccionar as sociedades actuais á queda do petróleo atopámonos cun referente ineludible que nos dá a un tempo inspiración e esperanza de como se pode sobrevivir como sociedade a unha transformación do calibre da que nos espera e advertencias sobre as características que ha de ter esa sociedade se quere facer ese tránsito de maneira ordeada e non traumática. Imos resumirvos a continuación a historia da man de Richard Heinberg (2004: 105 e ss.) e Pat Murphy (2008).

Antes da queda do bloque soviético Cuba dependía do petróleo e dos cereais enviados pola URSS. Ata 1989 o 85% do comercio da illa era co bloque soviético. Aquel ano e o seguinte, mentres a Unión Soviética colapsaba, tamén o fixeron as importacións cubana de petróleo (caeron un 50%) e de grao. O comercio caeu máis dun 75%, as importacións de praguicidas e fertilizantes un 80%. Como consecuencia a agricultura, a máis mecanizada daquela en toda Iberoamérica, a que máis tractores, praguicidas e fertilizantes sintéticos empregaba por hectárea, sufriu un brusco parón, e tamén o resto da economía se resitiu profundamente; os apagóns eran diarios. Comezou o que chamaron o Periodo Especial. Unha das consecuencias foi un empeoramento na alimentación de case toda a poboación, acompañada dunha mudanza na dieta facéndoa máis vexetariana por necesidade e baseada en produtos frescos.

O goberno cubano respondeu a crise repartindo terras estatais en parcelas para cultivo privado: en moi poucos anos o sistema agrícola cubano pasou e estar formado por un 80% de explotacións propiedade do Estado a un 80% de empresas propiedade dos traballadores. En 2009 os pequenos agricultores xa eran os que producían o 60% do alimento do país (Ravsberg, 2009). Os habitantes das cidades pequenas satisfán as súas necesidades de froita e verdura entre un 80 e un 100% coa agricultura urbana (Murphy, 2008: 218). Outra mudanza profunda foi o paso dunha agricultura dependente dos fertilizantes de síntese a unha agricultura orgánica, coa axuda dunha minoría de científicos cubanos pro-agroecoloxía que ata daquela estiveran moi marxinados pola universidade e o goberno cubanos. O paso non foi fácil pois as décadas de agricultura industrial tiñan esgotado o solo e as primeiras colleitas foron desastrosas: levou entre 3 e 5 anos recuperar organicamente a fertilidade dos solos. De contado Cuba formou un cuarto de millón de agricultores nestas técnicas agroecolóxicas. Tamén se abordou o problema da enerxía precisa para transportar e conservar os alimentos, achegando a produción ás cidades, de tal feito que hoxe en día gran parte dos produtos agrícolas cubanos se consomen moi preto de onde se producen (TV-Novosti, 2011). Entre 1994 e 2001 a produción de vexetais medraba máis dun 100% anual. Para 1998 xa había 8.000 hortas orgánicas recoñecidas só na cidade de La Habana, cultivadas por máis de 30 mil persoas e ocupando un terzo dos terreos dispoñibles. Cuba trocou, por así dicilo, explotacións industriais a base de fertilizantes petroquímicos por compostaxe e hortas nos patios. O 80% da agricultura cubana xa é orgánica e a produtividade iguala ou supera a que existía durante a época industrializada (Murphy, 2008: 219). Segundo Raúl Castro, en 2008 a agricultura urbana daba emprego no país a 300 mil persoas. O goberno agora protexe toda a terra de utilidade agrícola que rodea as cidades para producir alimentos nela, impedindo construír nela.

No sector do transporte o impacto foi demoledor, ata o punto de que hoxe en día hai moitos menos coches circulando en Cuba pero todos van repletos de pasaxeiros, grazas ás políticas oficiais que promoven a súa máxima ocupación. Son moi frecuentes as bicicletas (Cuba importou ao comezo da crise, co país practicamente paralizado, un millón de bicicletas chinesas e fabricou outro medio millón e introduciunas nun país que carecía por completo da cultura da bici), os chamados cocotaxis (especie de rickshaws motorizados para dous pasaxeiros), taxis da década de 1950 e buses moi antigos, e no campo os bois, burros e cabalos e outros animais de tiro. Pat Murphy define o transporte hoxe en día en Cuba como “ecléctico, difícil e fascinante.” Xa que non tiveron tempo nin recursos para construír un sistema de transporte público alternativo, p.ex. trens lixeiros ou tranvías, fixeron o que puideron co que tiñan a man, incluíndo a remodelación de trailers para facer de autobuses, os populares camelos. Así é que hoxe os cubanos son expertos mecánicos capaces de manter e adaptar todo tipo de vehículos antigos. A descentralización operada en servizos educativos, ou culturais, p.ex. facilitou tamén a redución dos desprazamentos.

Con moita man de obra e pouca enerxía fósil, o goberno axusta os salarios para conseguir o pleno emprego. Con poucos materiais de construción, a xente vive en casas pequenas e moitas veces necesitadas de amaños. Hai moi pouca construción nova.

O proceso non deixou de ser traumático, cóntanos Pat Murphy (2008, 28), mentres a sociedade cubana colapsaba controladamente desde un estado industrial a outro máis agrario. Houbo sen dúbida un descenso nos estándares de vida, pero se mantiveron servizos esenciais como a sanidade e educación públicas e un nivel básico de alimentación asegurado para toda a poboación; grazas a isto a esperanza de vida non caeu.

Foi moi importante para o éxito destas mudanzas a promoción de novos valores polas autoridades cubanas, que tamén o son —ao contrario do que podíamos pensar das nosas— no terreo moral para a maioría dos cubanos.

Malia ter superado o peor xa para 1995, esta profunda transición enerxética cubana aínda non se completou. En 2007 Raúl Castro exhortaba á poboación urbana do país a volver ao campo (EFE, 2009) a cultivar todas as terras dispoñibles e a reforestar onde non se poida cultivar1, e no ano seguinte o goberno cubano introduciu máis reformas no sector agrícola, que supuxeron a entrega créditos e de millón e medio de terras estatais ociosas a 163 mil granxeiros en apenas 3 anos. Aínda así, Cuba adica 1.500 millóns de dólares anualmente á importación de alimentos (Cubadebate, 2012). O petróleo que agora importa a illa, só unha fracción do que se importa na era soviética, págase grazas aos ingresos do turismo e de certas exportacións como o azucre, e aos prezos especiais aos que acceden ao petróleo venezuelano (1/3 do total do petróleo que consome Cuba).

Aínda que a illa non deixou de depender totalmente das importacións e dun sector coma o turismo, moi ameazado polo contexto ao que nos dirixe o peak oil, non deixa de ser unha referencia valiosísima de como pode ser o futuro das nosas sociedades unha vez quedemos sen boa parte do petróleo que agora as alimenta. Por suposto o clima, a forma de goberno, a autoridade moral dese goberno diante dos gobernados, e mesmo a cultura social cubanos son moi diferentes aos nosos. Con todo, o seu exemplo pode e debe ser inspiración para todas as sociedades que queiran descender enerxeticamente mantendo o padecemento social ao mínimo. Tamén nos fornece a proba de como, cando é preciso e os desabastecementos comezan bater duramente contra a estrutura social, é factible tomar rapidamente medidas paliativas e mudar os comportamentos sociais, polo menos nun país no que a práctica totalidade da economía e da regulación está en mans do Estado. Cabe preguntarnos cómo nunha autonomía como a galega, inserta nun Estado como o español, dentro da Unión Europea, podería poñer en marcha, chegado o caso medidas como as que tomou no Periodo Especial o goberno cubano. En calquera caso, a mudanza social e ética, no transporte, na alimentación, na organización social sabemos grazas á precoz experiencia cubana por ónde tería que camiñar e aínda que o noso Estado falle no seu deber de prepararnos ou axudarnos a adaptar, non estamos nin moito menos inermes e as medidas propostas nesta Guía tentar demostralo. Con todo, debemos aledarnos de non vivirmos nunha sociedade puramente individualista como a estadounidense, e aínda que pode que non teñamos un sentimento comuntario tan forte e consolidado como o cubano, si que perviven algúns aspectos do apoio mutuo que caracterizaron a sociedade tradicional galega, que debemos aproveitar para crearmos entre todos a Galiza de despois do petróleo.

A quen queira coñecer máis sobre a experiencia pospetróleo en Cuba recomendámoslle ver o documental que no ano 2006 produciu o colectivo estadounidense Community Solutions, titulado The Power of Community: How Cuba Survived Peak Oil, dispoñible online actualmente en:

Trackbacks & Pings

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *