César Santiso (EU): «Esta Guía significa o comezo da andaina colectiva máis importante da historia de Galiza»

On 13/10/2013 by Véspera de Nada

César Santiso - EU CoruñaCésar Santiso, voceiro do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes na Coruña e coordinador comarcal de Esquerda Unida, enviounos o seguinte texto acerca da nosa Guía e dos motivos que a fan, na súa opinión, «fundamental» para o noso futuro:

Unha guía fundamental para coñecer o noso futuro e poder decidir libremente

Fai anos que a miña condición de activista medioambiental levoume ao convencemento dunha preocupante realidade: a nosa sociedade, baseada no petróleo como motor económico e de benestar, está a esmorecer. En pouco máis dun século a humanidade ven de consumir a práctica totalidade de reservas de petróleo que a madre terra necesitou milleiros de anos para xerar. Non cabe dúbida de que este ritmo frenético de consumo de recursos naturais non se pode manter porque é imposible crecer infinitamente, como demanda a economía capitalista, cando os recursos son limitados.

Até os propios organismos internacionais comezan a recoñecer, entre liñas para non crear alarma e manter o seu actual status quo, que nos atopamos no cénit do petróleo: momento en que a curva de extracción do cru comeza a ser descendente, é dicir que hoxe xa non somos capaces de extraer tanto petróleo como onte e mañá extraeremos menos que hoxe. É certo que o descenso da extracción é lento, máis tamén o é que o aumento do consumo é exponencial, principalmente debido a industrialización de países emerxentes superpoboados como China, India ou Brasil.

Así pois, aplicando o axioma fundamental da economía capitalista, a lei da oferta e a demanda, non hai que ser economista para determinar que os prezos crecerán de maneira exponencial até converter o petróleo no maior dos tesouros e só poderá ser utilizado para actuacións moi determinantes. Máis aínda se temos en conta que os custes de produción, tanto os económicos como os enerxéticos, son cada vez máis elevados.

Aqueles pobos que non se preparen para a próxima etapa postpetróleo están chamados a sufrir un colapso económico e social como nunca antes viviu a humanidade:

  • desabastecemento de produtos de primeira necesidade aos que so poderán acceder os privilexiados que poidan facerse cargo dos elevados custes derivados dunha produción e transporte baseados nun ben caro e escaso como o petróleo,
  • colapso nos transportes, tanto de viaxeiros como de mercadorías,
  • colapso da economía con máis paro e precariedade debido a que as empresas non poderán ser competitivas diante do aumento do prezo do cru en comparación con aquelas doutras zonas que xa comezaron a súa transición…
  • en definitiva caos, pobreza, e fame.

Xa que logo, urxe comezar a transición cara unha economía e estilo de vida diferentes no que prime:

  • o descenso enerxético,
  • a recuperación da actividade agraria de xeito ecolóxico e sostible para asegurar a soberanía alimentaria dos pobos,
  • reducir o consumo superfluo,
  • apostar por producir servizos á cidadanía en lugar de mercadorías,
  • pechar ciclos económicos locais para reducir a dependencia no transporte,
  • promover a redución de desprazamentos das persoas,
  • apostar pola mobilidade sostible e colectiva…
  • En definitiva, requírese dun cambio profundo de actitudes, políticas e mentalidades.

Mais desgrazadamente os nosos gobernantes agachan a cabeza como fai a avestruz: non só se manteñen impasibles diante desta situación, senón que tratan de agachar a realidade. Por iso iniciativas da sociedade civil como a Guía para o descenso enerxético son unha magnífica e formidable nova, pois significa o comezo da andaina colectiva máis importante na historia de Galiza pola que avanzaremos cara un mundo sen petróleo mediante nunha transición tranquila, suave e non traumática.

Coñezo dende fai tempo o traballo da asociación Vespera de Nada, impulsora da devandita guía, non en van incorporamos a súas achegas en relación co teito do petróleo no noso programa municipal co que Esquerda Unida – Os Verdes chegou a María Pita no 2011 co apoio da cidadanía. Só podo falar de bondades do seu traballo, da súa seriedade e da súa capacidade, polo que acredito que a devandita guía se converterá nun libro de cabeceira, non so de ecoloxistas é políticos, senón para toda a cidadanía consciente.

César Santiso é funcionario informático, horticultor ecolóxico para autoconsumo e activista medioambiental. Ocupa o cargo de voceiro do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes na Coruña e é
coordinador comarcal de Esquerda Unida na Coruña.

Trackbacks & Pings

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.