Obxectivo acadado: a Guía será publicada!

On 19/10/2013 by Véspera de Nada

Montaxe Guía para o Descenso Enerxético con láminas a cor de Antía Barba MariñoCando faltaban aínda 9 días para rematarmos a campaña de financiamento colectivo para podermos publicar a Guía, onte a cifra recollida vía Verkami superou o orzamento mínimo de 4.250 euros. Iso quere dicir que a Guía para o descenso enerxético, definitivamente, vai ser publicada! En primeiro lugar o noso máis emocionado agradecemento ás case 200 persoas e colectivos que o fixestes posible.

Nos días que restan de campaña imos tentar chegar a un segundo obxectivo que nos permita facer unha edición de máis calidade, nomeadamente incluíndo as ilustracións de Antía a toda cor (as que podedes ver ilustrando este blog e todo o material que usamos na promoción da Guía, comezando polo vídeo de presentación). Isto implica conseguirmos un pouco máis de diñeiro, uns poucos apoios máis, así que non debemos afrouxar e pedimos a todos os que nos estades a axudar a difundir o proxecto que segades mantendo o esforzo unha semaniña máis para podermos publicar o libro con esa visión tan poderosa que nos trasmiten as imaxes da nosa ilustradora.

As persoas que se fagan agora mecenas van poder aínda conseguir un exemplar do libro por só 9 euros, cando o prezo de venda previsto a posteriori será de 12 euros. Ademais, tanto eles como os mecenas que xa estades apoiando o proxecto en Verkami, habedes ter a edición coas láminas a cor polo mesmo prezo previsto, é dicir, o custo para vós dos exemplares non aumenta.

Algunhas das ilustracións a cor de Antía Barba

A campaña de crowdfunding continúa con novas entrevistas

Ah, e estade atentas e atentos porque nos vindeiros días imos publicar novas entrevistas cos membros da nosa asociación falando acerca da Galiza pospetróleo!

Grazas de novo e moito ánimo para a recta final da campaña!

Trackbacks & Pings

  • Guía para o descenso enerxético » Remata con éxito a campaña de financiamento colectivo da Guía! :

    […] Queremos dar hoxe de novo as grazas ás 240 persoas e colectivos que participastes na campaña de crowdfunding en Verkami que desde o pasado día 17 de setembro ata onte día 27 de outubro recolleu diñeiro para facer posible a publicación da Guía para o descenso enerxético. Sumando os 5.201 euros recadados en Verkami con 54 euros recollidos fóra da plataforma, obtivemos máis do 20% do orzamento inicialmente previsto, o cal nos vai permitir editar máis exemplares e con meirande calidade. […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *