Novo adianto da «Guía para o descenso enerxético»: Presentación

On 22/10/2013 by Véspera de Nada

Ofrecémosvos un novo adianto do texto da Guía para o descenso enerxético. Anteriormente tiñamos publicado outro breve fragmento do libro que presentaba algunhas das consecuencias que para Galiza e as sociedades industrializadas vai ter o devalar da enerxía fósil. Nesta ocasión presentamos as primeiras páxinas do libro, a súa Presentación, advertindo de que na fase de revisión final na que estamos actualmente poderá sufrir algunha mudanza. Queremos que serva para que os posibles interesados en apoiar a súa publicación reservando un exemplar a prezo especial (o cal recibirán antes de que o libro estea dispoñible para o público xeral nas librarías) poida coñecer algo máis sobre o seu contido.


Presentación

Antes de nada, imos presentarnos. A Guía que tes nas túas mans foi concebida e realizada polas persoas que formamos a asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo. Esta pequena organización foi creada en 2008 por galegos conscientes da grave ameaza que para a nosa sociedade (e para o resto do mundo industrializado) había supoñer a inminente fin da Era do petróleo. O nome que lle demos á nosa asociación procede do refrán galego “Día de moito, véspera de nada”, co que a nosa sabedoría popular advirte de que tras as épocas de bonanza chegan sempre as vacas fracas, algo que nos pareceu moi acaído ao momento histórico que nos tocou vivir.

Na actualidade preside a nosa asociación Xoán Ramón Doldán García, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela. O profesor Doldán, bo coñecedor da situación enerxética de Galiza e que de feito foi director do INEGA entre o 2005 e o 2008, foi precisamente a primeira persoa que lanzou publicamente a voz de alarma á sociedade galega sobre o problema do petróleo cun artigo publicado na revista Tempos Novos en xullo de 2008 (Doldán, 2008). Desde entón, tanto Doldán —que agora preside tamén a Asociación de Economía Ecológica de España— como outros membros de Véspera de Nada, vimos difunindo por todos os medios ao noso alcance o trasfondo enerxético da crise que vivimos —e que imos seguir a vivir ata dar orixe a outro modo de vida totalmente diferente—, en diversos actos, con artigos e entrevistas en medios de comunicación, reunións con políticos, cargos públicos e organizacións sociais, e mantendo un blog en Internet con noticias, reflexións e propostas sobre a cuestión.

Coa presente publicación, que tras moito tempo de preparación agora lanzamos, queremos dar un importante paso adiante na posta en marcha da necesaria concienciación e adaptación do país a unha situación sen precedentes na historia e que vai afectar profundamente as vidas de todos e cada un dos galegos e galegas. No noso ánimo está que este libro sexa útil para minimizar os riscos que implica este devalar da civilización industrial, de tal xeito que o maior número posible de persoas poidan finalmente dicir que se ben perderon “moito” da abundancia que o petróleo nos dera, non estaban na “véspera de nada” senón na véspera de teren “suficiente” e de volveren ter unha vida digna dentro dos límites físicos do planeta.

Para que serve este libro?

Este libro tenta ser un sinxelo manual que nos axude a prepararnos para unhas transformacións a nivel económico, social, cultural e de modos de vida sen precedentes na historia da Humanidade. Serán transformacións con efectos en todos os países e para todos os habitantes do planeta, pero que terán diferente forma, alcance e ritmo segundo o lugar e mesmo a clase social aos que pertenzamos. Nós tentamos pensar en como nos afectarán en Galiza, tendo en conta tanto os rasgos que caracterizan o conxunto da nosa sociedade e economía, como a propia diversidade interna do país: costa/interior, cidades/vilas/aldeas, etc. As dimensións do que vai acontecer —de facto xa está a acontecer desde 2005-2007— son de tal envergadura que é imposible evitar que nos afecte.

É dicir: continuarmos como ata o de agora deixará de ser posible. O que si poderemos será reducir o impacto e as peores consecuencias sendo conscientes do problema, anticipándonos e adoptando con decisión as medidas necesarias tanto no ámbito persoal e familiar como no comunitario. Polo menos iso esperamos na nosa asociación e a iso nos gustaría contribuír con este libro.

Antes de pasar a explicar no capítulo 1 a causa destes graves problemas que se achegan (o denominado Teito do petróleo), presentaremos a estrutura do resto do libro. No cap. 2 proporemos unha serie de medidas que coidamos serán de utilidade para nos prepararmos e que se centran no nivel persoal-familiar, abordando aquelas áreas nas que como individuos ou pequenos colectivos temos (ou podemos chegar a ter) un maior control. Dentro desa pequena escala incluímos tamén as PEMEs, ás que lles adicamos unha serie de consellos básicos no cap. 3. No cap. 4 presentamos tamén medidas que cumpriría tomaren as administracións públicas, e que nós como cidadáns debemos reclamar con decisión, criticando todo o que se faga no sentido contrario e desde a consciencia do grave que sería trabucarnos de camiño nesta crítica etapa histórica. Se sempre é importante demandar dos gobernos que cumpran coa súa misión en beneficio do pobo, nestes intres históricos resulta ademais vital para a supervivencia pois o que precisamos é unha mobilización social propia de tempos de guerra, comparación esta na que coinciden todos os divulgadores do problema. Xa que logo, a razón de incluírmos esas medidas a nivel político, non é a de converter esta nunha guía para as administracións, senón darmos pautas aos cidadáns para saberen que políticas reclamar dos seus representantes e que medidas non deberían admitir non só porque nos afasten do camiños da sustentabilidade, senón por que desbaldirían os valiosos derradeiros recursos económicos e enerxéticos cos que aínda conta a nosa sociedade. De todos xeitos non perdamos de vista que boa parte do consumo enerxético das nosas sociedades está nas mans dos propios cidadáns: Pat Murphy ten calculado que nos EE.UU. o 67% do consumo enerxético total do país depende das decisións persoais dos seus habitantes en terreos como o transporte, a vivenda e a alimentación. Segundo explica, se os consumidores reducimos pola nosa conta a enerxía que gastamos neses sectores, produciremos unha redución nos correspondentes sectores industriais da economía nacional (Murphy, 2008: 121-122). O noso poder por tanto non é en absoluto despreciable como axentes dun descenso enerxético controlado que poñermos en marcha sen contar coa aprobación ou decisión de gobernos e empresas: 2/3 do consumo total de enerxía pode depender directamente do tipo de vida que levemos. Esas mudanzas persoais deberán ser postas en marcha ao tempo que exercemos a nosa presión social sobre os gobernos para que contribúan a mudar o rumo enerxético do conxunto da sociedade. A nosa propia experiencia reducindo o noso consumo enerxético hanos dar o coñecemento axeitado para mellor promovermos un descenso enerxético organizado a niveis superiores: comunitario, comarcal, nacional… Primeiro debe vir a mudanza persoal e despois, como consecuencia dela, a mudanza no país.

A prioridade que como sociedade debemos marcarnos para nos prepararmos antecipadamente ao devalar do petróleo é reducir drasticamente o consumo de enerxía fósil e de produtos derivados dos combustibles fósiles. Ese será o obxectivo final que guíe a maior parte das medidas que propoñemos, e que se podería traducir nun sentido práctico en “mercar menos, usar menos, querer menos e desperdiciar menos” (Murphy, 2008: 113). A transformación social que se deriva desa profunda mudanza no modo de vida xirará en torno a dous eixos: o rexordir das pequenas comunidades humanas e a redución do tren de vida.

As medidas foron organizadas a efectos prácticos en diversas áreas da nosa vida aínda que advertimos de que deben ser adoptadas dunha maneira integral e con criterios e principios comúns para poderen contribuír á máxima redución da nosa vulnerabilidade ao Teito do petróleo. Pensemos neste libro como unha guía para sobrevivir a un tsunami que vemos lentamente achegarse: temos tempo de ir facendo unha serie de cousas para anticiparnos á súa chegada e protexernos, pero todas esas accións deben ter en conta o feito de que as nosas vidas non serán as mesmas despois do impacto do tsunami, e que debemos estar mentalizados para mudanzas e sacrificios importantes. Ao final eses sacrificios van pagar a pena, porque nos axudarán a sobrevivir e nos aforrarán moitos dramas.

A lectora ou lector preguntarase con razón de onde sacamos estas medidas que incluímos no noso libro. A súa orixe está no labor de pescuda que vén realizando a nosa asociación desde a súa creación en 2008. Existen numerosas persoas que en todo o mundo e desde ámbitos tan diferentes como a xeoloxía, a permacultura, o ecoloxismo, a socioloxía, a filosofía, a política, o urbanismo ou a economía veñen analizando desde hai anos cales van ser as consecuencias do Teito do petróleo e o inexorable devalar enerxético ao que este fenómeno nos vai levar. Desa análise parten propostas que tentan ofrecer alternativas, que tentan fortalecer as sociedades para facilitar o tránsito histórico a un mundo que estará caracterizado sen dúbida por:

  • Unha mobilidade máis reducida e esporádica.
  • Unha volta á vida social e económica moito máis locais (o que chaman relocalización).
  • Sociedades máis simples.
  • Unha escaseza de produtos, servizos e estruturas socioeconómicas dependentes do petróleo; fin da sociedade de consumo.
  • Unha volta á agricultura orgánica, de baixa mecanización e baixo consumo de enerxía e materiais.
  • Unha volta ao campo de parte da poboación que hoxe habita nas cidades.
  • Etc. (Véxanse máis características no apartado 1.3)

Debemos advertir de que esta Guía non pretende fornecer detalles técnicos nos diversos terreos de adaptación dos que falamos: limítase a dar unha perspectiva o máis ampla posible do que cómpre facer e de por qué é preciso facelo, e a dar ideas sobre os aspectos da nosa vida que deberemos comezar xa a adaptar. É dicir, non esperes encontrar aquí explicacións acerca de técnicas de permacultura, como construír unha balsa depuradora de augas grises, ou instrucións para fabricar un xerador eólico a partir de pezas de refugallo: sería inviable abordar con detalle todas as cousas que podemos ter que poñer en práctica, e precisaríamos non unha Guía senón toda unha enciclopedia de grosos tomos. No apartado de Bibliografía é onde a lectora ou lector vai achar esas referencias a outras obras con información detallada de tipo práctico, ben sexa en libros ou na Internet.

O noso traballo consistiu en recompilar esas propostas, amplialas e organizalas dunha maneira coherente e adaptada, na medida do posible, á realidade galega. Unha boa parte das propostas veñen de ámbitos anglosaxóns que tiveron unha industrialización moito máis temperá cá nosa. En Galiza lévannos demasiado tempo dicíndonos que estabamos atrasados, e de feito a modernización foi serodia na nosa terra. Ironicamente ese suposto atraso —entendido como supervivencia dun modelo de vida apegado ao rural— é envexado agora por pensadores e activistas doutros lugares —por exemplo Cataluña, Reino Unido, EUA…— porque nos sitúa a unha menor distancia da volta a unha sociedade basicamente agraria e local, porque estamos aínda en estreito contacto coa terra, a nivel familiar, social e cultural, mesmo aínda que sexamos urbanitas e porque aínda hai un sector agro-gandeiro importante malia que esmorecente. Pero non podemos compracernos nesa teórica vantaxe galega, porque existen forzas que nos levan polo camiño contrario, nunha fuxida cara o abismo dunha industrialización insostible, dun abandono do noso campo e dos que nel habitan e os seus medios de vida, cando deberíamolo estar conservándoo como a maior riqueza do país e o seu maior valor de futuro. Abandonarmos ou sacrificarmos o noso rural sería un suicidio como país e como pobo, porque tras o colapso da industrialización será o activo máis importante e indispensable que nos quede. Os nosos montes, veigas, ríos e rías, o noso mar… as nosas árbores, matos e sementes… o noso gado… o noso chan, a nosa auga, o noso clima… foron o único que en realidade tivemos durante milenios e o único que nos vai quedar se non somos tan parvos como para estragalo nos derradeiros estertores dunha espellismo industrialista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *