Remata con éxito a campaña de financiamento colectivo da Guía!

On 28/10/2013 by Véspera de Nada

[ACTUALIZACIÓN 05/11/2013] Ampliamos o prazo para facer achegas económicas ata o domingo 10 de novembro.

Queremos dar hoxe de novo as grazas ás 240 persoas e colectivos que participastes na campaña de crowdfunding en Verkami que desde o pasado día 17 de setembro ata onte día 27 de outubro recolleu diñeiro para facer posible a publicación da Guía para o descenso enerxético. Sumando os 5.201 euros recadados en Verkami con 54 euros recollidos fóra da plataforma, obtivemos máis do 20% do orzamento inicialmente previsto, o cal nos vai permitir editar máis exemplares e con meirande calidade.

Na sinxela animación que fixemos para celebrarmos este éxito quixemos representar esas máis de 240 sementes que van espallar por moi diversos puntos do noso país unha profunda transformación a todos os niveis. O froito máis importante desta campaña non vai ser simplemente un libro, senón esas 240 sementes de transición en comunidade a unha Galiza pospetróleo. Pode, e debe ser, o comezo da revolución máis trascendental na historia do país.

Animación que representa todas as persoas e colectivos que apoiaron a publicación do libro e que o han recibir en primicia

A partir de agora o proxecto continúa, e nos vindeiros meses esas sementes deberán aínda multiplicarse. De feito, e dado que inesperadamente a campaña en Verkami se pechou onte unha hora antes do previsto e comunicado por nós (ás 21 h no canto de ás 22 h, seguramente por un problema técnico na plataforma que non tivo en conta a mudanza oficial ao horario de inverno), e aproveitando que os contidos do libro aínda non se pecharán ata dentro dunha semana, decidimos prorrogar durante ese tempo a recepción de achegas nas mesmas condicións que en Verkami, agás a de 5 euros, xa que o PDF será publicado de balde nos vindeiros meses e dado que xa se asegurou a publicación esa achega mínima xa non cumpre a función de mecenado. É dicir, calquera persoa que aínda queira dispoñer dun exemplar por 9 euros ou ser difusor con máis exemplares, pode aínda facernos chegar a súa achega escribindo a un email especial que só estará en funcionamento ata o día 3 10 de novembro: guia@vesperadenada.org. As persoas interesadas recibirán un número de conta onde ingresaren a súa achega como mecenas. Unha vez pasado ese prazo xa non será posible figurar como mecenas no libro nin incluír logotipos, xa que os contidos do libro estarán pechados e o proceso de edición en marcha.

ilustracion-guia-descenso-enerxetico-montaxe-libro-cor-1000x362

Lembramos cal é o calendario previsto para a edición da Guía:

  1. 30/10/2013: O coordinador pecha unha versión preliminar da Guía e remite para revisión dos demais membros de Véspera de Nada.
  2. 03/11/2013: Finaliza o prazo para a recepción de nomes e logotipos dos mecenas, e para as achegas mediante ingreso ou trasferencia bancaria. Péchase a versión aprobada pola asociación.
  3. 10/11/2013: Revisión lingüística dos contidos. Ilustradora e deseñador rematan contidos gráficos.
  4. 17/11/2013: Finaliza maquetación, revisión e peche definitivo da versión electrónica. Selección definitiva de imprenta.
  5. 30/11/2013: Remata o proceso de impresión e encadernación.
  6. 08/12/2013: Marxe engadida para imprevistos.
  7. 09/12/2013: Data prevista na que o libro terá saído do prelo.
  8. 10/12/2013: Comezan os envíos do libro. Envío da versión PDF como antecipo a TODOS os mecenas.

Hoxe comezaremos a comunicarnos cos mecenas para que nos indiquen o nome co que queren aparecer no web e no libro, e para que nos envíen o seu logotipo aqueles que escolleran algún dos importes que dá dereito a esa inclusión.

Posteriormente pediremos os enderezos postais para procedermos aos envíos, unha vez estea nas nosas mans a edición impresa.

Calquera dúbida, non deixedes de envíarnola, ao email devandito, ao contacto xeral da nosa asociación ou como comentario a este post. Grazas novamentea todas e todos: a fase 1 da revolución pospetróleo continúa imparable!

One Response to “Remata con éxito a campaña de financiamento colectivo da Guía!”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *