Comeza a distribución da Guía! Comeza a REVOLUCIÓN!!
Marzo de 2014. A saída da Guía para o descenso enerxético —despois de tres anos de preparación, unha exitosa campaña de financiamento popular e un longo proceso editorial de finalización— publicada por Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo, deberá marcar o comezo dunha transformación revolucionaria no noso país. A abundancia de enerxía fósil chegou á súa fin e con ela un modo de vida, un sistema socioeconómico e todo un modelo de civilización: o industrial-capitalista. O noso país —coma o conxunto da Humanidade— xógase a supervivencia nesta transición civilizatoria: a alternativa é un colapso descontrolado, caótico e traumático ou un colapso consciente e gradual paralelo á construción urxente dun modo de vida diferente sen petróleo, máis local, máis frugal e dentro dos límites da biosfera. Colapso tráxico vs. construción de resiliencia.
Este libro pretende contribuír a optarmos como sociedade pola segunda das opcións, a facer posible un decrecemento consciente e anticipado ás peores consecuencias. Máis de 240 persoas en toda Galiza (e tamén no exterior) van ser motores deste cambio histórico. Grazas a elas e ao apoio de concellos pioneiros como Rianxo, Tomiño e Teo, puidemos aumentar esa cifra ata 1.000 exemplares que van espallarse por todo o noso territorio sementando a revolución necesaria e cada día máis urxente, da nova civilización pospetróleo.
Xa comezamos o reparto dos primeiro exemplares. Nos vindeiros días o resto de mecenas recibirán os seus libros ou os recollerán nos diversos encontros de presentación e dinamización revolucionaria que estamos a organizar por todo o país, e dos que iremos avisando neste mesmo web e por medio das redes sociais.
A Revolución que marcará o futuro de Galiza despois do petróleo xa está en marcha e estámola a facer entre todas/os!
Lembra que se non fuches mecenas do libro agora poderás conseguilo doutras formas, a un prezo de 12 euros:
- Nos propios actos de presentación do libro.
- En determinadas librarías que anunciaremos aquí proximamente.
- Solicitándonolo por medio de Internet.
Ola! Eu colaborei con 25€ na campaña en Verkami e a día de hoxe non me chegou nada. Supoño que será normal, pero agradecería que mo confirmárades. Moitas gracias e perdoade a insistencia.
P.D.: Intentei contactar con vós vía Facebook, pero non me contestáchedes.
Vou mirar como está o teu envío, Artur. En canto ao de Facebook desculpa se nos pasou desaparecibida a túa mensaxe. Administramos ese perfil entre varias persoas e non che sei dicir agora mesmo qué pasaría… En canto teña información cópioche aquí.
Vexo que o teu paquete cos teus 3 exemplares está listo para enviar. Pode que saia hoxe mesmo ou como tarde este mesmo sábado.