28 de abril: Presentamos a Guía noutro dos Concellos coeditores (Teo)

On 24/04/2014 by Véspera de Nada

O luns 28 de abril, ás 12:00 h terá lugar un novo acto conxunto de presentación da Guía para o descenso enerxético, cun dos Concellos que apoiaron a súa publicación: o Concello de Teo.

O acto terá lugar no Salón de Actos na Casa do Concello e contará coa presenza do alcalde, Martiño Noriega, e do presidente de Véspera de Nada, Xoán Ramón Doldán. No evento farase unha presentación da publicación, o concello explicará as razóns para a súa implicación no marco das actuacións para facerlle fronte ao Teito do Petróleo —nas que é pioneiro a nivel de todo o Estado Español— e darase un debate cos asistentes aos que se animará a poñer en marcha iniciativas comunitarias como as descritas na Guía.

concello-teo-con-capa-guia-descenso-enerxetico-640x426

«Facer camiño, facer país».


(Prefacio institucional do Concello de Teo incluído na «Guía para o descenso enerxético»)

No ano 2009 Teo foi o primeiro concello galego en aprobar unha moción que recoñecía o problema do teito do petróleo e que encetaba un vieiro de traballo para exercer a responsabilidade desde a Administración Local neste eido. Nela, recoñeciamos como administración a gravidade desta cuestión e a necesidade de adoptar medidas alternativas que conducisen á diminución da vulnerabilidade de todos os aspectos da vida do concello fronte a esta ameaza.

A constitución dun comité técnico en colaboración coa Concellaría de Medioambiente, o estudo das medidas adoptadas noutros lugares do mundo por concellos de características análogas e a divulgación deste problema á veciñanza formaron parte dun plan de traballo aínda vixente. A participación do concello nesta completa publicación enténdese, polo tanto, nese contexto e baixo ese compromiso.

O comercio, o transporte e a práctica totalidade da industria e dos sectores económicos municipais son dependentes directa ou indirectamente do petróleo. Neste sentido, Teo non é unha excepción. Nin o país no seu conxunto nin ningún dos seus concellos están aínda minimamente preparados para quedar nun período de tempo de poucos anos sen a maior parte da súa enerxía. O modelo económico, alimentar, enerxético e de transporte da nosa sociedade é absolutamente dependente da dispoñibilidade dunha subministración permanente e ilimitada de petróleo, e polo tanto dependente do exterior. Por riba, a era histórica do petróleo barato chegou á súa fin e isto é algo irreversíbel e de consecuencias inminentes unha vez que se recupere a demanda enerxética, agora minorada pola crise sistémica.

Neste contexto, a saída tan só pode estar baseada nas enerxías renovábeis (aposta municipal en Teo nos equipamentos públicos) e nunha posición decrecente, xa que estas non poden fornecer suficiente enerxía a tempo para substituír o petróleo, nin existe o financiamento nin a enerxía precisa hoxe en día para poñer en marcha unha masiva introdución destas en todos os niveis sociais. Existen centos de experiencias municipais no mundo que recoñecen e afrontan este panorama con medidas transversais e verdadeiras estratexias de declive enerxético e, en case todos os casos, contando coa máxima participación social.

Cómpre polo tanto, impulsar plans de transición municipais que teñan como obxectivo evitar na maior medida posíbel os impactos para os veciños e veciñas, as empresas e a propia Administración Local, desta dependencia enerxética, avaliándoa e reducíndoa en todas as áreas, especialmente na alimentar coa finalidade de camiñar con decisión cara a unha economía sostíbel no local. Neste senso, este manual é unha ferramenta importante na divulgación e na concienciación deste problema e, polo tanto, unha maneira de facer país, outro país. Actuar localmente e pensar globalmente a nosa responsabilidade, con nós e coas xeracións futuras.

Martiño Noriega
Alcalde de Teo

Trackbacks & Pings

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *