Esgotouse a 1ª edición da «Guía para o descenso enerxético». Preparamos de urxencia a 2ª edición!

On 10/06/2014 by Véspera de Nada

En apenas tres meses esgotamos os mil exemplares de que constaba a primeira edición do noso libro para unha Galiza pospetróleo. Agora só se poden atopar algúns exemplares en certas librarías e outros puntos de venda.

idea-indicacion-2a-ed-capa-guia-descenso-enerxetico-v2Na asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo estamos a traballar de urxencia para preparar unha segunda edición, que corrixirá algunhas grallas presentes na primeira e que contará con novos mecenas, mentres continuamos a presentar o libro polo país adiante. O propio éxito do crowdfunding que fixo posible a 1ª edición, palpable na rapidez coa que se esgotaron os exemplares de que constou, e mais nos intensos debates que estamos a ter con lectores e outras persoas preocupadas polo Teito do Petróleo nos diversos actos de Sementando a Revolución Pospetróleo, continuados no Foro da Galiza Pospetróleo, anímannos a abordar unha nova edición dun volume importante. Nun mercado coma o galego, na situación actual, publicar 2.000 exemplares desta Guía, é un claro indicativo do crecente interese e preocupación de galegas e galegos por se prepararen para a Era Pospetróleo.

Dentro dos labores de preparación desta 2ª edición estamos a contactar tanto cos concellos que coeditaron a 1ª (Tomiño, Teo e Rianxo) así como con outros que puidesen estar interesados en sumarse a eles como concellos coeditores desta 2ª edición. Tamén abriremos de novo a posibilidade de mecenado individual, reducido nesta ocasión a achegas de 25 euros e 50 euros que darían dereito respectivamente a figurar como mecenas no web e levar 3 exemplares da Guía, e figurar no texto do libro impreso e levar 6 exemplares. Se che interesa ser mecenas desta nova edición escríbenos a guia@vesperadenada.org antes de que remate o venres día 13 de xuño indicando o nome co que queres aparecer e a cantidade coa que queres contribuír.

Grazas a todas as persoas e organizacións que fixestes posible a 1ª edición e ás que ides facer posible que continúe a difusión deste revolucionario libro cunha nova edición!

Liberamos os contidos completos da 1ª edición en PDF

Mentres non está dispoñible a 2ª edición impresa, e tal e como nos comprometéramos a facer, liberamos con licencia Creative Commons (Atribución + Non comercial + Sen derivacións), a versión electrónica do libro. Está dispoñible en formato PDF (11 MB): Guía para o descenso enerxético (versión dixital, baixa resolución).

3 Responses to “Esgotouse a 1ª edición da «Guía para o descenso enerxético». Preparamos de urxencia a 2ª edición!”

  • Desta volta podemos pensar o mecenado individual (25 e 50 euros) como unha especie de precompra a prezo especial. O PVP da nova edición será o mesmo, 12 euros, IVE incluído, mais os mecenas terán os seus exemplares a 8,33 euros (3 libros por 25 euros, 6 por 50 euros). Esta ocasión especial pecharase este venres 13 de xuño, así que apurade as persoas interesadas! 🙂

Trackbacks & Pings

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.