Presentamos a Guía no 3º dos concellos coeditores: Rianxo (20 de xuño)
Tras Tomiño e Teo, tócalle nesta ocasión ao 3º dos concellos que colaboraron coa 1ª edición da Guía para o descenso enerxético publicada pola nosa asociación. O acto terá lugar en Rianxo este venres 20 de xuño, ás 20:30 h no salón de actos do Auditorio. Por parte de Véspera de Nada asistirán Xoán Ramón Doldán, Manuel Casal e Joám Evans. Por parte do concello de Rianxo presentará o acto o seu alcalde, Adolfo Muíños.
Como no resto de actos de Sementando a Revolución Pospetróleo, presentaremos o problema do Peak Oil e falaremos da Guía como unha ferramenta útil para a sociedade se preparar, tamén desde as administracións municipais. A continuación teremos un debate cos asistentes no que aclararemos dúbidas sobre o problema e sobre as medidas que podemos tomar a nivel individual, colectivo e municipal.
Prefacio do alcalde de Rianxo para o libro: Comecemos desde os concellos
Actuar localmente, pensar globalmente é un dos eixos que inspira este libro que a modo de guieiro insta a administracións, empresas e cidadás a axir ante o feito contrastado do finito dos recursos mundiais de petróleo (e non só). Esta Guía para o descenso enerxético ofrécenos material para a reflexión, tamén para a discusión e discrepancia dalgúns aspectos ou alternativas, á vez que nos apunta camiños e actuacións concretas para reconducirmos os nosos hábitos actuais. Podemos, como sinala o profesor Joaquim Sempere noutra publicación, vivir mellor con menos e así nolo amosan parte das páxinas deste texto, adoptando un modelo social máis xusto, cun mellor reparto das riquezas, cun menor teito das ambicións persoais por posuír, por consumir, á vez que máis localmente sostíbel no tempo e nos espazos.
Aínda que son camiños que percorrer con dificultades pois hai evidentes intereses non ocultos par que continuemos sendo dependentes enerxéticos, como por exemplo poñendo atrancos á autoxeración de enerxía nas propias vivendas, con peaxes ao sol, ou a persecución ás enerxías alternativas. Unha situación só explicábel pola falta de ética e pola existencia de portas xiratorias de membros dos gobernos a empresas enerxéticas que entran e saen dos consellos de administracións aos gabinetes ministeriais e viceversa.
Para os concellos tamén nos sinala tarefas, no ámbito do transporte colectivo, do urbanismo, da vivenda, da produción económica, do abastecemento de auga, do saneamento, da xestión de residuos… Unha das razóns polas que un concello como Rianxo participa da edición dun volume coma este é a consciencia clara de que nos axudará a ser mellores e que, antes ou despois, moitas das propostas e das hipóteses aquí incluídas tomarán corpo inevitabelmente. Anticiparnos e estar preparados para un futuro que será sen petróleo, ou con el escaso ou a prezos elevados, obriga a impulsar experiencias que poden ter no ámbito dos concellos un marco axeitado para a posta en práctica.
Adolfo Muíños Sánchez
Alcalde de Rianxo