Lendo no famoso libro
Collapse, de Jared Diamond, veño de ver (p. 286) uns datos moi interesantes do que pode ser un dos
experimentos do que poderiamos chamar permacultura máis exitoso da historia.
Nesa pequena illa do Pacífico, de apenas 1,8 millas cadradas (4,66 km2) levan milleiros de anos vivindo cun sistema de bosque de alimentos (tropical: teñámolo en conta á hora de extrapolar os datos ao noso contexto xeográfico) en varios niveis, combinado con sistemas de conservación de alimentos de nulo gasto enerxético e apoiándose tamén na recolección cando é preciso. E sosteñen na actualidade 1.200 persoas. Ou sexa, 666 habitantes/milla cadrada ou 257 por km2. Diamond di que cultivan desas 1,8 millas cadradas case todo, dando como resultado 800 persoas/milla cadrada cultivada, ou sexa, 308 habitantes/km2 cultivado (
3,08 habitantes/ha cultivada), o cal nos dá a cifra de que son precisos nese sistema
3.246 m2 para soster cada persoa. Claro que aí non se conta o uso que van da pesca (non sei se os datos de superficie cultivada de Diamond inclúen un lago no que pescan, pero desde logo non creo que inclúan a pesca mariña e a recolección de moluscos).
É dicir, nunha zona costeira, cun sistema que aproveitase case a totalidade do terreo cun sistema mixto de bosque comestible + cultivo de horta intensiva, todo integrado ao estilo permacultural, e con apenas animais pequenos como galiñas e parrulos, podemos manter a cada persoa con pouco máis de 3.000 m2. Isto penso que inclúe a leña para quentarse e outros usos, pois esta illa non ten apenas importacións de relevancia, polo seu gran afastamento doutras illas.
Aí queda o dato para os pesquisadores.
PS: Curiosísimo! A páxina en galego da Wikipedia é máis completa cá inglesa!
https://gl.wikipedia.org/wiki/Tikopia