Moito máis ca un libro
A Guía para o descenso enerxético quere ser moito máis ca un simple libro, por importante e trascedental sexa o que nel contemos. A Guía quere ser un catalizador para unha mudanza social a gran escala en toda Galiza, á escala que se precisa nunha mudanza de civilización, nun troco de Era: da Era do Petróleo á Era da Sustentabilidade. Para iso temos previsto —se damos xuntado os apoios precisos— poñer en marcha lugares de encontro e actividades diversas. Velaquí un avance da parte da Guía onde o explicamos:
(…) desde Véspera de Nada imos contribuír a esta superación colectiva dos perturbadores efectos iniciais que ha ter o descobremento do peakoil entre os lectores, promovendo lugares e momentos de encontro e posta en común do que pensamos e sentimos tras a lectura destas páxinas e das diversas referencia bibliográficas que se inclúen ao final da Guía. Para tentarmos non deixar ninguén fóra imos crear dúas vías de apoio mutuo entre lectoras e lectores e nas que tamén participaremos os membros da nosa asociación:
- Un foro permanente en Internet donde poderemos expresar as nosas inquedanzas, ideas, reflexións, dúbidas, preocupacións, experiencias de aplicación, etc. que nos xordan a partir da lectura desta Guía. Será un espazo onde sentírmonos oídos e onde liberármonos en grupo da nosa adición ao petróleo.
- Unha serie de encontros presenciais en diversos puntos da xeografía galega, na que promoveremos o debate entre as persoas que leran a Guía e que poderá servir tamén para tecer ligazóns entre elas, para ir se cadra formando o xermolo de iniciativas de transición comunitarias e favorecer que vos manteñades en contacto entre vós. Estes encontros irémolos anunciando no noso web www.VesperaDeNada.org e nas redes sociais online como Twitter onde temos presenza, así que procura seguirnos para saber cándo realizaremos un encontro deste tipo preto de onde ti vives.
Desta maneira poderemos dar un pulo adicional ás iniciativas pioneiras que esta Guía pretende sementar por todo o país, facilitando o labor en rede, a compartición de experiencias e coñecementos, a optimización dos recursos. Seguramente de aí nacerán novos recursos en Internet, publicaranse máis libros e artigos de difusión, por parte da nosa asociación ou doutros grupos que se cren no país, irase falando cada vez máis da xente que abandona o petróleo antes de que o petróleo a abandone a ela, que desertan dunha civilización que colapsa, que constrúen os botes salvavidas para eles e as súas comunidades… Desde Véspera de Nada faremos de altofalante para poñer en valor as vosas experiencias, dentro e fóra das nosas fronteiras, axudando a que se convirtan en referentes da mudanza social que precisamos con tanta urxencia e que así se poidan replicar o máis axiña posible en todas as vilas e cidades galegas.
Esta é sen dúbida a característica máis poderosa da Guía, e a que máis nos ilusiona: ser xermolo de mudanza, ser comezo, ser orixinador de novas redes e novas experiencias colectivas, e consolidador das que xa existen e queiran dar pasos cara a Galiza pospetróleo que comezamos albiscar. Axúdasnos a conseguilo?
[…] continuaremos a preparar o foro e outros contidos online relacionados coa obra e a necesaria revolución pospetróleo que quere axudar a prender en […]