«O éxodo ao rural vai ser impulsado polo agravamento da crise.» Entrevista con X.R. Doldán en Radio Cerna

On 06/10/2013 by Véspera de Nada

xoan-doldan10-by-diario-liberdadeO pasado día 1 de outubro emitíase unha entrevista realizada por Radio Cerna (ADEGA) ao presidente de Véspera de Nada, Xoán Ramón Doldán. Nos 10 minutos de programa Doldán fai un repaso moi completo do problema do teito do petróleo en xeral e para Galiza e fala acerca da Guía para o descenso enerxético, o proxecto máis importante levado a cabo pola nosa asociación ata o momento co obxectivo de preparar o país para unha mudanza sen precedentes na historia, «unha situación inédita a nivel mundial», en palabras de Doldán. Na entrevista tamén apunta algúns dos consellos que incluirá a Guía para afrontarmos a nivel persoal e familiar o descenso enerxético derivado da caída na dispoñibilidade do petróleo.

Podedes escoitar e descargar a entrevista no web de Radio Cerna.

A continuación salientamos algunhas das frases de Xoán Doldán na entrevista, a xeito de titulares:

A volta ao rural é desexable porque é aí onde imos achegarnos máis a unha vida onde se utilicen os recusos locais para obter produtos locais. Ese éxodo ao rural posiblemante vaia ser impulsado polo agravamento da crise en moitos ámbitos. (…)

Non avogamos necesariamente por un rural que sexa o que había hai uns séculos: o rural que teñamos que construír terá que ser un rural construído agora.

(…)

Galiza ten bastantes vantaxes sobre outro tipo de sociedades, polos recursos de que dispoñemos: por exemplo en calquera parte de Galiza temos a posibilidade de utilizar recursos enerxéticos renovables, como unha gran masa forestal (…), que deberíamos empezar a pensar seriamente en como facermos que o monte teña unha función social totalmente distinta, de cara a obter materias primas enerxéticas e alimenticias. Por outra parte temos esa proximidade vivencial: non temos que rañar moito na superficie de calquera de nós para atopar un labrego ou unha labrega. Iso fai que non nos resulte algo estraño a vida do rural.

(…)

O papel das administracións locais pode ser de mediadoras, facilitando por exemplo este traslado de persoas duns lugares a outros, esa mudanza tamén na organización socioeconómica do país… En primeiro lugar as administracións deberían estar informadas dese problema, que non sempre o están, por desgraza. E despois deberían adoptar unha serie de medidas para axudar nesa reconstrución da economía local, para recuperar produtos e mercados locais, e tamén para que moitas vivendas abandonas por todo o país poidan ser recuperadas.

(…)

En Galiza non cremos que non se estean a tomar medidas por ignorancia [do problema] senón máis ben por esa fe cega no paradigma do crecemento indefinido, que nos di que a crise enerxética acabará por resolverse dalgunha maneira. Aínda así si que hai algúns grupos políticos en distintos niveis que non só coñecen o problema senón que van traballar nesta cuestión.

Para aprofundar máis na cuestión recomendamos o artigo de Doldán Pico do petróleo, crescimento económico e capitalismo publicado no nº 2 da revista O Golpe, así como outros textos do presidente de Véspera de Nada —e un dos referentes da Economía Ecolóxica no noso país— no blog da nosa asociación.

Créditos: A foto que acompaña este post foi feita pola xente de Diário Liberdade en 2010.

Trackbacks & Pings

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.