A publicación da nosa Guía, en La Voz de Galicia
Onte, domingo 23 de febreiro, saiu publicada unha reseña da aparición da Guía para o descenso enerxético en La Voz de Galicia, concretamente no suplemento Mercados. Trascribimos a continuación o texto, froito dunha entrevista de Pablo Barros (a foto é de Sandra Alonso):
Xoan Doldán: «A Galicia post-petróleo deberá ser moito máis rural»
A Asociación Véspera de Nada leva tempo alertando das consecuencias de ignorar os efectos que ten sobrepasar o chamado pico do petróleo. Estes días inician a distribución da Guía para o descenso enerxético, coa que pretenden dar unha serie de pautas para mudar os nosos hábitos co gallo de reducir a nosa dependencia enerxética sen, por iso, ter que renunciar á nosa calidade de vida. «A Galicia post-petróleo, como o resto do mundo, deberá ser máis rural que na actualidade. Tamén as cidades teñen que ruralizarse un pouco», sinala Xoan Doldán, presidente da asociación e profesor de Economía Aplicada na USC. «Moitos dos alimentos que consumimos veñen de fora, o que supón unha carga enerxética moi alta. Debemos recuperar a producción de parte do que consumimos para depender menos dos mercados».
A guía pretende ser unha especie de brúxula para dirixir, que non impoñer, ás persoas que queren emprender unha reducción no seu consumo enerxético. Nela faise fincapé no transporte e na alimentación. «Se os prezos no transporte seguen a subir, a alimentación vaise ver afectada. Temos que mudar o noso modelo de vida e buscar vías que requiran un menor consumo enerxético», alerta Doldán. Nese senso, o profesor da USC propón apostar por productos de mais longa duración e que se poidan reparar. «Non se pode seguir crecendo
de forma exponencial sen que isto teña consecuencias. Ao contrario do que moitos pensan, consumir menos non quere dicir prescindir de calidade de vida».
Podes descargar o recorte para imprimir.