#OMonteNonSeVende: O monte como recurso vital para o futuro (fragmento da «Guía para o descenso enerxético»)

On 10/05/2014 by Véspera de Nada

Hoxe en apoio da masiva mobilización online a prol dos comuneiros do Monte de Cabral, queremos publicar outro apartado da nosa Guía, que fala do vital que é este recurso para o futuro do noso país, sobre todo a medida que o Teito do Petróleo faga que volvamos depender dos recursos locais. Máis información sobre o conflito do Monte de Cabral en MonteNoso.net.


O monte como recurso vital para o futuro

guia-descenso-enerxetico-7-a-importancia-do-monte-no-futuro-pospetroleoNo documental A ceo Aberto – As Encrobas, dirixido por Xosé Bocixa Rei en 2007 acerca do conflito vivido entre os veciños deste fértil val de Cerceda e a alianza estatal-empresarial que desexaba explotar os recursos carboníferos (enerxéticos, por tanto) do seu subsolo, podemos ver como aínda nunha época moi recente perduraba no noso país a consideración do monte como recurso vital para as persoas, de tal xeito que, como se narra no filme, se estaba disposto a dar a vida antes que perder as leiras do monte.

Unha vez que remate este período de excepción no que a enerxía do petróleo nos permitiu virar costas ao noso sustento tradicional —a terra e nomeadamente o monte—, nos nos quedará outra que volver botar man deste recurso básico. E daquela habemos bater con problemas moi importantes, consecuencia destas breves décadas de abandono e desleixo patrocinado polo petróleo. Un síntoma destes problemas vímolo experimentando verán tras verán no noso país: os incendios forestais.

De xeito recorrente, inmersos nun cíclico déjà vu, a Galiza arde durante eses días de verán máis calorosos, secos e con vento do nordés. Asistimos durante unhas xornadas a un espectáculo lamentábel que se desenvolve en dous escenarios simultaneamente. O primeiro escenario é o monte, non calquera, senón xeralmente os montes da franxa atlántica —de xeito máis intenso canto máis ao sur nos situemos— e os montes da provincia de Ourense; ocasionalmente, cunha cadencia menos intensa, incorpóranse a este escenario montes na montaña occidental de Lugo, etc. O segundo escenario son os medios de comunicación nos que unha constelación de políticos, opinadores e xornalistas non paran de verter as súas opinións, sempre apresuradas, nunca pausadas e xeralmente cun nivel de coñecemento das causas e das consecuencias dos lumes máis ben cativa. Boa fe disto é que todos os anos din practicamente o mesmo, repiten mantras e tópicos cunha lixeireza sorprendente.

O lume non é máis (nin menos) que unha consecuencia de décadas de políticas erróneas. O primeiro tópico levaríanos a pensar en políticas forestais, mais estas son só algunhas das liñas erradas desde hai unhas seis décadas. Os erros —intencionados— cometidos co monte son varios e de diferente natureza. O abandono do campo é a clave de todo. Porque no campo —e, sobre todo, do campo— vive moita menos xente que na década dos 40 e 50 do século XX. E quen primeiro marchaban normalmente eran os que tiñan o gando en terreos comunais, basicamente ovellas e cabras, hoxe en día practicamente eliminadas da cabana gandeira galega. Este monte plantouse a piñeiros e a eucaliptos para alimentar incipientes industrias madeireiras que teñen nas celulosas a súa máxima expresión: en definitiva, forestouse con plantas exóticas e pirófitas. E o resto abandonouse pouco a pouco creándose unha descomunal capa de materia vexetal que, chegado o momento, é un gran combustíbel, tendo en conta que a nosa posición bioxeográfica é a bacía do Mediterráneo con ocasionais veráns moi secos.

Hai quen di que a culpa a teñen os incendiarios, e obviamente isto non é falso, pero non é un eixo que permita explicar todo o problema, só unha pequena parte. Ao final hai usos que aínda permanecen nun ambiente que cambiou por completo. E non podemos esquecer que o campo galego, a día de hoxe, está socialmente enfermo (un dos lugares de Europa onde máis antidepresivos se consomen). O resto da historia xa é coñecida.

Quizais nos poidamos preguntar: que é o que había antes de que estivera o gando doméstico eliminando biomasa? O que tiñamos era unha serie de grandes herbívoros silvestres (hoxe extintos pola man do home): bisontes (de estepa, non de bosque), uros, cebros… e por suposto os seus depredadores, especialmente lobos, que evitaban superpoboacións e limitaban os lugares de forraxeo (a través do que se denomina ecoloxía do medo). Cómpre sinalar tamén que ademais de eliminar biomasa polo mero feito da alimentación, os grandes herbívoros controlan o mato pisando o chan e permitindo basicamente o crecemento de gramíneas…

A día de hoxe estas relacións ecolóxicas xa non existen e o que vemos é simplemente un escenario de mudanza. Recuperar as relacións ecolóxicas non é sinxelo, nin moito menos, pero a situación actual é insustentábel. Un dos lumes máis serios, daniños e perigosos que se producen é o chamado lume de copas, onde o lume pasa dunha árbore a outra a nivel da copa. O único xeito de combater este lume con certo éxito é poñer medios aéreos masivamente: por que non se fai entón? A resposta quizais estea no prezo do combustíbel: os medios aéreos (hidroavións, helicópteros) consomen unhas cantidades inxentes de combustíbel que simplemente non se poden pagar, e cada vez hanse poder pagar menos, polas razóns que levamos explicado. Neste senso hai que considerar que o combustíbel empregado para as tarefas de extinción ten un prezo máis caro que aquilo que se pretende salvar apagando o lume (xeralmente piñeiros e eucaliptos) e esta relación irá a peor a medida que se incremente o prezo do barril de petróleo.

Outro tópico son as tan famosas como descoñecidas medidas de prevención (se preguntamos a aqueles que avogan por elas non saben / non contestan) que xeralmente veñen a ser o que se chama limpar (como se no monte existise sucidade) ou desbrozar (como se a vexetación fose un refugallo). Ben, pois limpar/desbrozar faise, loxicamente, con medios mecánicos alimentados por gasóleo; alguén se parou a pensar se isto se pode custear ou mesmo se é factíbel?

Os escenarios de futuro, se todo segue o rumo actual, semellan catastróficos. A mudanza climática fai que se extremen os fenómenos meteorolóxicos, que se incrementen as secas e a súa duración e cadencia. Se nesta situación non temos combustíbel abundante e barato para apagar lumes, o resultado podémolo imaxinar.

Como podemos mudar esta situación para o futuro? Sen dúbida, as solucións individuais son importantes, pero aínda máis as solucións colectivas. Ao monte debémoslle pedir, para o noso futuro, dúas cousas. A primeira é que non arda, pois non o poderemos apagar en ausencia de combustíbeis fósiles; e o segundo é que nos forneza daqueles elementos que permitan a supervivencia das comunidades locais como o facían ata non hai moitos anos (Bocixa, 2007):

  • Deberían ser fonte de proteínas, polo que o mantemento de pastos rústicos para o gando semella unha prioridade.
  • Para optimizar e equilibrar a presión sobre a vexetación o gando debería ser pluriespecífico: non deberían faltar ovellas e cabras ademais de vacas e cabalos.
  • Moitas áreas de monte eran explotadas non hai moito para a obtención de cereal, trigo e centeo. O cereal foi básico para moitas civilizacións do pasado e aínda o é na actual, polo que recuperar o uso do monte para o cultivo de cereais podería ser outra prioridade se queremos seguir a manter unha dieta baseada neles, aínda que tamén cabe complementala con —ou baseala en, como propoñen algúns— froitos das árbores especialmente enerxéticos, como a landra e a castaña. Co devalar da agricultura industrial deixarase de dispoñer das colleitadoras e camións que o producen e nolo traen de Aragón, León e Castela (cando non de máis lonxe, como os EUA), verémonos obrigados a volvelo producir aquí, coma antes… Así, fitos no calendario labrego como a sega e a malla recobrarán o seu significado e os arados especiais que usabamos para o cereal no monte poderán servirnos de novo.
  • Precisaremos madeira que poderemos obter de especies frondosas que se autoprotexen fronte ao lume e nos dan madeira de calidade tanto para a construción como para empregar de combustíbel dunha maneira sustentábel.
  • Cando non dispoñamos de fertilizantes sintéticos baseados nos combustíbeis fósiles, deberemos necesariamente botar man do estrume para obter o nitróxeno esencial para o crecemento das plantas que nos alimenten. E entre os seus compoñentes tradicionais están as leguminosas como o toxo, as xestas, os codesos… produtos todos eles ao noso dispor no monte.
  • E non debemos esquecer que o monte nos dá ademais outros recursos de gran valía como o mel, que pasará a ser un importante elemento nos usos culinarios futuros visto que a produción masiva de azucre precisa de petróleo (para o cultivo da remolacha ou da cana de azucre, tanto no seu procesado como para o transporte). Tamén poderemos obter cantidades importantes de froitos silvestres (que podemos cultivar ou favorecer tamén), cogomelos, plantas medicinais, multitude de plantas silvestres comestíbeis e incluso caza. O concepto de bosques de alimentos e os deseños agroforestais hannos ser moi útiles. A clave será manter un monte multifuncional, produtivo, cos elementos dispostos en mosaico para evitar precisamente as nefastas consecuencias dos monocultivos que tan só teñen sentido nun escenario industrial, que só é viábel mentres poidamos seguir a facer un uso masivo dos combustíbeis fósiles.

E se temos que falar de monocultivos, o máis daniño —e por desgraza tamén máis estendido nos nosos montes na actualidade— é o eucalipto. Falabamos antes da necesidade de volver cultivar cereal nos nosos montes. O problema xustamente é que os lugares onde o poderiamos facer están ocupados agora por piñeiros e eucaliptos. Algo do que apenas se fala sobre estes monocultivos forestais é a irreversibilidade do seu cultivo, especialmente no caso do eucalipto. Isto podémolo considerar, logo, unha auténtica traxedia: poderiamos decidir poñer unha leira a bananas, e se ao ano seguinte decidimos cambiar o cultivo por calquera motivo, restrébase de novo e despois podemos cultivar outra cousa. Mais se poñemos eucaliptos pode ser sumamente difícil —ou directamente imposíbel— chegar a recuperar o terreo.

(Fragmento extraído da Guía para o descenso enerxético, publicada pola Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo.)

Trackbacks & Pings

  • Medidas pospetróleo incorporadas ao programa do BNG para Ames (Somos Ames) | Ames Pospetróleo :

    […] Promover o desenvolvemento forestal do concello, colaborando cos propietarios forestais e a administración forestal en labores de planificación e extensión forestal.Esa medida soa un tanto perigosa, se se entende o desenvolvemento forestal como manter e mesmo ampliar o uso actual dos nosos montes. Para nós o monte debe ser recuperado como fonte diversificada para a sustentabilidade local: en primeiro lugar no terreo alimentar, fornecendo alimentos e fertilidade para as producións agrogandeiras; en segundo lugar como fonte de enerxía e materiais, sempre supeditada á primeira función a prol dunha alimentación sustentable (Vid. o apartado da Guía para o descenso enerxético relativa ao papel do monte na Galiza pospetróleo.) […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.